TÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS
CAPÍTULO I OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN
Artigo 1º.-Obxecto.
É obxecto desta lei o establecemento dun marco xurídico para o desenvolvemento da actividade comercial en Galicia coa finalidade de fomentar, ordenar administrativamente, racionalizar, modernizar e mellorar a actividade do sector.
Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.
1. Esta lei será aplicable ás actividades comerciais realizadas por comerciantes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Son comerciantes, para os efectos do disposto nesta lei, as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizan de forma habitual e eventual actividades de mediación comercial entre a produción e o consumo no mercado.
2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta lei aquelas actividades comerciais que, por razón do seu obxecto ou natureza, estean sometidas a un control específico por parte dos poderes públicos ou a unha regulamentación específica, sen prexuízo da aplicación supletoria desta lei. En todo caso, quedan excluídos do seu ámbito de aplicación:
a) Os servizos de carácter financeiro, de transporte e de seguros.
b) Os servizos de aloxamento, cafetarías, bares, restaurantes e hostalaría, en xeral.
c) Os servizos de reparación, mantemento e asistencia técnica, sempre que non vaian asociados á venda, con carácter ordinario ou habitual.
d) O exercicio de profesións liberais e colexiadas.
e) Os servizos prestados por empresas de ocio e espectáculos, tales como cinemas, teatros, circos, ludotecas, parques infantís ou similares. O antedito non obsta á suxeición a esta lei das vendas realizadas nas súas instalacións ou anexos, sempre que estas se desenvolvan en zonas de libre acceso.
3. As entidades cooperativas ou outras formas xurídicas análogas estarán obrigadas a distinguir entre a oferta dirixida aos socios da que teña como destinatario o público en xeral, estando esta última sometida a esta lei. En todo caso, cando a oferta a ambos os destinatarios non apareza rigorosamente diferenciada, será aplicable esta lei.
Artigo 3º.-Fins e principios reitores.
Esta lei rexerase polos seguintes fins e principios:
a) A actividade comercial en Galicia desenvolverase conforme os principios que informan a planificación económica xeral do Estado, dentro dun marco de economía de mercado e libre e leal competencia, así como do respecto ás normas vixentes que regulan a competencia en Galicia, sen prexuízo das determinacións contidas nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan e daquelas normas que regulen a actividade comercial.
b) Un desenvolvemento equilibrado e sustentable das actividades comerciais no ámbito de Galicia.
c) O fomento do asociacionismo.
d) A modernización do tecido comercial galego.
e) O respecto dos dereitos e dos intereses das persoas consumidoras e usuarias.
f) A adaptación da dotación comercial á necesaria ordenación urbanística, coa preservación e o fortalecemento do sistema urbano tradicional das nosas vilas e cidades, co fin de asegurar unha adecuada protección dos contornos urbanos e do medio ambiente, dentro dun obxectivo de cohesión social que coadxuve na igualdade entre os cidadáns e as cidadás, que reduza a mobilidade e evite desprazamentos innecesarios.
g) A promoción da igualdade de oportunidades e a formación técnica e profesional das persoas comerciantes e traballadoras do sector comercial, así como o respecto dos dereitos laborais en xeral e das normas en materia de prevención de riscos laborais en particular. O establecemento de instrumentos que aseguren a necesaria transparencia, obxectividade e igualdade de oportunidades e de trato para os diversos axentes económicos; a defensa da leal competencia e das persoas consumidoras, co fin de asegurar a legalidade da actuación administrativa, así como o sometemento desta aos fins que a xustifican.
Segue lendo o tema completo
Este tema ten 298.564 caracteres de texto legal. Cunha conta gratuíta lelo enteiro, sen pagar nada.
Crea a túa conta gratis e leo enteiro