TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Constitúe o obxecto desta lei reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia coa eliminación da discriminación das mulleres e coa promoción da igualdade entre mulleres e homes, atribuíndolle o máis alto grao de efectividade ao dereito constitucional á igualdade entre as mulleres e os homes no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma, consonte as obrigas impostas aos poderes públicos de Galicia no artigo 4 do Estatuto de autonomía de Galicia.
2. En particular, esta lei ten por obxecto:
a) Definir, para os efectos desta lei, os conceptos relativos ao dereito á igualdade entre mulleres e homes no marco da Constitución española, do dereito da Unión Europea e dos tratados internacionais ratificados polo Estado español.
b) Integrar transversalmente a perspectiva de xénero no deseño e no desenvolvemento das políticas públicas da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.
c) Promover a sustentabilidade social empresarial, o benestar laboral e o dereito á igualdade entre mulleres e homes nas políticas activas de emprego, na formación profesional para o emprego e na negociación colectiva.
d) Establecer o marco de colaboración entre a Administración autonómica e os concellos e demais entidades locais de Galicia para a promoción das condicións para facer efectivo o dereito á igualdade entre sexos na vida local.
e) Considerar especificamente as singularidades das mulleres rurais e do mar e regular para o efecto o seu estatuto e o Observatorio da Muller Rural e do Mar.
f) Garantir a efectividade do dereito á igualdade de trato entre mulleres e homes para o persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico.
g) Regular os órganos competentes en materia de igualdade no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico.
h) Establecer garantías institucionais adicionais para a defensa e promoción dos dereitos de igualdade de xénero, atribuíndolle competencias específicas ao Valedor do Pobo.
Artigo 2. Integración do principio de igualdade na interpretación e aplicación das normas
A igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes é un principio informador do ordenamento xurídico autonómico e, como tal, integrarase e observarase na interpretación e aplicación das normas xurídicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta lei consagra, no marco da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, e normativa aplicable, os niveis mínimos de protección do principio de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes e non prexudica as disposicións máis favorables establecidas noutras normas, polo que prevalecerá o réxime xurídico que garanta mellor a non discriminación das mulleres.
Segue lendo o tema completo
Este tema ten 254.492 caracteres de texto legal. Cunha conta gratuíta lelo enteiro, sen pagar nada.
Crea a túa conta gratis e leo enteiro