TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Esta lei ten por obxecto regular o modelo de administración dixital no sector público autonómico, procedendo a desenvolver a normativa básica estatal en materia de administración electrónica, a implementar e a fomentar a adopción das medidas precisas para incorporar o potencial das tecnoloxías dixitais no deseño das políticas públicas, na modernización do sector público autonómico e no impulso da economía galega, coa finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de calidade.
2. Para estes efectos, a lei regula o réxime xurídico da utilización dos medios electrónicos por parte do sector público galego no desenvolvemento da súa actividade e nas súas relacións coa cidadanía, coas demais administracións públicas e coas empresas e as entidades, as infraestruturas e os servizos do sector público galego, as medidas para o desenvolvemento dixital na sociedade con criterios de inclusión e non-discriminación e os órganos con competencias en relación coa administración dixital.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Esta lei será aplicable:
a) Ao sector público autonómico, integrado, de acordo co artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral e polas entidades instrumentais.
Malia o anterior, non serán aplicables ás entidades instrumentais de dereito privado previstas na alínea b) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, aqueles preceptos da lei cuxa aplicación se restrinxa expresamente ás entidades públicas instrumentais, así como aqueles que, segundo o caso, non resulten aplicables en atención á natureza das ditas entidades e ao réxime xurídico a que deban quedar sometidas as concretas funcións desenvolvidas por elas.
b) Á cidadanía nas súas relacións co sector público autonómico de Galicia.
Para estes efectos, as referencias aos cidadáns e ás cidadás comprenderán as persoas físicas, as persoas xurídicas e, cando legalmente teñan recoñecida capacidade de obrar perante as administracións públicas, os grupos de afectados, as unións e entidades sen personalidade xurídica e mais os patrimonios independentes ou autónomos.
c) Nos casos en que así se indique expresamente, ás relacións entre o sector público autonómico e as restantes administracións públicas, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con pleno respecto ás competencias destas.
Segue lendo o tema completo
Este tema ten 233.991 caracteres de texto legal. Cunha conta gratuíta lelo enteiro, sen pagar nada.
Crea a túa conta gratis e leo enteiro