TÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta lei ten por obxecto o desenvolvemento do réxime xurídico das actividades mineiras en Galicia en condicións de sustentabilidade e seguridade e promove un aproveitamento racional compatible coa protección do medio ambiente.
Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.
1. Esta lei é aplicable ás seguintes actividades:
a) Á exploración, á investigación, á explotación e ao aproveitamento dos recursos minerais e demais recursos xeolóxicos situados en Galicia.
b) Ao aproveitamento de recursos xeotérmicos e de formacións xeolóxicas superficiais ou subterráneas.
c) Á preparación para a entrega aos mercados dos minerais e recursos extraídos.
d) Á xestión dos residuos producidos nas actividades extractivas.
e) Á recuperación ambiental dos terreos afectados por labores mineiros, así como ás condicións e aos requisitos do abandono da actividade mineira.
f) Á actividade administrativa de apoio para a mellora e innovación nas actividades mineiras, co fin de diminuír o impacto sobre os recursos naturais e a valorización integral dos recursos producidos na procura do pechamento do ciclo produtivo en Galicia.
2. Están excluídas do ámbito de aplicación desta lei as seguintes materias:
a) A exploración, a investigación, a explotación e o almacenamento subterráneo de hidrocarburos líquidos e gasosos.
b) A extracción ocasional e de escasa importancia de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que a leve a cabo a persoa propietaria dun terreo para o seu uso exclusivo e non exixa a aplicación de ningunha técnica mineira.
c) As augas reguladas na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Calquera aproveitamento de recursos xeotérmicos de escasa importancia económica, en particular aos que se lles dea utilidade en calefacción, climatización doméstica ou industrial e/ou auga quente sanitaria, baseados en sistemas xeotérmicos de moi baixa entalpía, con intercambiadores en circuíto pechado, ata 200 metros de profundidade, sempre que sexa levado a cabo pola persoa propietaria do terreo para o seu uso exclusivo e que o aproveitamento non exixa a aplicación de ningunha técnica mineira.
Todo iso sen prexuízo de que os traballos subterráneos necesarios estarán sometidos á autorización previa das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de enerxía e minas, tal e como xa recolle o artigo 18.2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento das augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) O aproveitamento lúdico das augas termais, que se rexerá polo disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición derradeira terceira desta lei.
Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
Artigo modificado: Artigo 2 apartado 2.d) engadido por artigo 78.
Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.
Artigo modificado: Artigo 2 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira segunda.
Segue lendo o tema completo
Este tema ten 152.045 caracteres de texto legal. Cunha conta gratuíta lelo enteiro, sen pagar nada.
Crea a túa conta gratis e leo enteiro