TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto.
1. Esta lei ten por obxecto a regulación dirixida á defensa e á protección xeral dos dereitos e intereses dos consumidores no exercicio da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma prevista no artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia.
2. Esta lei aplicarase nas relacións de consumo entre empresas e consumidores.
3. As administracións públicas garantirán, mediante a adopción de medidas eficaces, a defensa e a protección dos consumidores e usuarios no ámbito da súa competencia.
4. Toda referencia aos consumidores nesta lei deberase entender realizada aos consumidores e as consumidoras e aos usuarios e as usuarias.
Artigo 2. Relación de consumo.
Enténdese por relación de consumo aquela que se produce entre as empresas e os consumidores de acordo co establecido nesta lei.
Artigo 3. Concepto de consumidor.
1. Para os efectos desta norma, son consumidores as persoas físicas que actúen cun propósito alleo á súa actividade comercial, empresarial, oficio ou profesión.
Son tamén consumidores, para os efectos desta norma, as persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que actúen sen ánimo de lucro nun ámbito alleo a unha actividade comercial ou empresarial.
Non obstante o anterior, en todo caso, terá a condición de consumidor aquela persoa ou entidade que teña a dita consideración segundo o Dereito da Unión Europea ou a norma de transposición deste ao ordenamento xurídico interno, así como toda persoa, física ou xurídica, pública ou privada, calquera que sexa a súa nacionalidade ou residencia, que adquire ou utiliza, ou á cal se lle oferta, como destinatario final, un ben, calquera que sexa a súa natureza, ou un servizo, calquera que sexa a forma e a actividade en que consista, incluídos aqueles servizos de adquisicións, depósitos ou peñor de bens ou dereitos dos consumidores e calquera que sexa a natureza, pública ou privada, individual ou colectiva, daqueles que os produzan, importen, faciliten, fornezan ou expidan, sempre que o seu destino final sexa o seu uso persoal, familiar ou colectivo, alleo a unha actividade empresarial, profesional ou artesanal
2. Non terán a consideración de consumidores os que adquiren, utilizan ou gozan de bens ou servizos co fin de os integrar, sequera parcialmente, no marco da súa actividade empresarial, profesional ou artesanal, xa sexa pública ou privada, todo isto con independencia da fase de produción ou distribución de bens e servizos na que se integren.
3. Non serán considerados en ningún caso como consumidores as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación ou calquera outra entidade, pública ou privada, representativa de intereses empresariais, profesionais, artesanais ou sindicais.
Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
Artigo modificado: Artigo 3 alínea 1 modificada por artigo 47.
Segue lendo o tema completo
Este tema ten 215.651 caracteres de texto legal. Cunha conta gratuíta lelo enteiro, sen pagar nada.
Crea a túa conta gratis e leo enteiro